Tuesday 24 de September de 2024

Rodríguez Miranda gaba en Zürich a fortaleza e integración da galeguidade en Suíza, a súa achega ao desenvolvemento do país e o seu papel colaborador na proxección exterior de Galicia


Canda o embaixador español en Suíza, o secretario xeral da Emigración presidiu a inauguración do local da Asociación Cultural ‘As Xeitosiñas’, que posibilitará fornecer e ampliar a carteira de servizos sociais e culturais da comunidade galega

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o embaixador do Reino de España na Confederación Helvética, Bernardo de Sicart Escoda, presidiron a inauguración do novo local da Asociación Cultural ‘As Xeitosiñas’, asentada hai máis de 30 anos, e cuxo recoñecemento oficial como comunidade galega foi publicado no DOG esta mesma semana.

No acto estiveron tamén presentes o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada, Francisco José López Pastor, o propio presidente da entidade, José Gil Doval, e decenas de galegas e galegos residentes en Suíza, a quen acompañaron tamén outros españois no país e poboación autóctona vinculada á colectividade galega.

No seu discurso, Miranda gabou o traballo arreo que as e os galegos teñen realizado en Zürich e en toda a Confederación Helvética, e a súa capacidade de integración, ata ter acadado e espallado entre a poboación autóctona unha imaxe xeneralizada de laboriosidade que poucos colectivos posúen no país: “A emigración galega deu proba de tesón, de identificación co esforzo para saír adiante, convertendo Galicia e os seus habitantes en sinónimo de laboriosidade, seriedade, confianza, desenvolvemento e progreso”.

“Da fortaleza da Galeguidade”, continuou o secretario xeral, “dá proba o feito de que son xa practicamente as comunidades galegas das poucas entidades societarias españolas con presenza nesta Confederación. E cunha presenza estable, permanente, constante, viva, e socialmente activa”. Unha presenza que constitúe un elemento de colaboración de primeira orde para axudar á proxección económica e cultural de Galicia a nivel internacional, e que se reforza agora coa inauguración destas instalacións.

Compromiso social
A sede de As Xeitosiñas permitirá levar a cabo nun amplo recinto actividades de carácter cultural (instrumentos, danza, conferencias, etcétera), pero tamén asistencial para persoas maiores, recuperando o espírito de fonda raíz solidaria que foi a base das comunidades galegas, tanto en Suíza coma no resto de Europa e do mundo.

Neste senso, Miranda salientou que “estas paredes recibirán e darán acubillo a todas as idades e a múltiplas actividades no eido social e cultural, que fortalecerán a ligazón entre os galegos, e entre eles e a sociedade de recepción. Non é habitual, nestes tempos de restricións, que as comunidades galegas estendan os seus servizos, a súa capacidade de acción. Razón pola cal quero felicitar especialmente o traballo realizado por socias e socios de As Xeitosiñas, pola súa directiva, e tamén polo seu presidente José Gil”.

Nese compromiso social que rebrota coa inauguración do novo local, o secretario xeral da Emigración comprometeu o apoio da Xunta: “A acción do Goberno galego, que aquí me honro en representar, seguirá sendo a de apoiar, na medida das nosas posibilidades, esa continuidade no labor das comunidades galegas, especialmente no referente á prestación de servizos de marcado carácter social”.

Comunidades galegas
Fundada no ano 1981, a Asociación Cultural As Xeitosiñas de Zürich agrupou desde un primeiro momento os emigrantes galegos na cidade e o seu cantón, servindo de punto de referencia para manter a cultura e tradicións propias e transmitírllelas ás xeracións de galegos xa nados na diáspora. Ademais de manter actividade cultural constante e, trala inauguración desta sede, ampliar o seu servizo á atención ás persoas maiores, desenvolve numerosas accións ao longo do ano abertas a toda a comunidade na que se asenta.

As Xeitosiñas é unha das colectividades históricas de galegos en Suíza. Arestora, no rexistro oficial constan na Confederación Helvética un total de oito entidades (seis comunidades galegas e dous centros colaboradores da Galeguidade), e están en proceso de tramitación as solicitudes doutra comunidade galega e un centro de estudo e difusión da cultura galega.

As localidades onde se asentan as oito entidades arestora xa representadas no Rexistro son Zürich, Laussanne, Münchenstein (Basilea), Aïre (Xenebra), Xenebra, Lucerna, Steinhausen (Zug) e Basilea. As dúas en proceso teñen sede en Lausanne e Olten.